Poemaxes XXXIX

Canda os meus pasos
asoman á soleira
doas de outono

Publicado en Creación propia, Poemaxes | Etiquetado | 2 Comentarios

Ás veces dáme por pensar

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza o 5 de outubro de 2017.

Ás veces dáme por pensar no meu corpo espido, aberto en canal exhibicionista, exposto na impersoal cuadratura dun escaparate de neon, fragmentado en evocadoras porcións que rin nos dentes dun código de barras ou na provocación dunha etiqueta suxestiva evadida dunha mente subversiva.

Do meu corpo todo custa e nada vale.

Penduran suspensos na vertixe dos vidros transparentes en colgadoiros celofán retallos do meu corpo de oferta perpetua, como a mazá condenou naquela orixinal trabada adámica.

As rúas espellan peitos de ocasión, retratan uñas de saldo, refractan beizos de rebaixas, reflicten ventres planos atemporais de últimas oportunidades, fragmentos espurios cos que disfrazaren corpos perfectos e unívocos, nunca satisfeitos.

E os nosos ventres sempre en portada, teimuda e lucrativamente cotizando á alza, canda as nosas voces en alerta máxima, censurando discursos políticos que danzan acompasados de normativas reaccionarias e adoutrinamentos relixiosos retrógrados que queren oficializar con rango de lei que sexa o patriarcado quen continúe a decidir por nós cando sermos nais, impóndonos a maternidade como obriga máis aló dunha opción individual que pode ser acollida –e escollida– orgánica e bioloxicamente.

Ventres impedidos de escolleren desde principios e valores equitativos de mercado e de clase, segundo poidan pisar cálido parqué ou fríxido terrazo, sometidos a condición monetaria por diante que fiscaliza a decisión de (non) parir e pon en risco a vida das mulleres.

A lei do mercado de compra venda depreda con tal nivel de agresividade que mesmo volve translúcida ou opaca a linguaxe ao redor dos nosos corpos para o autoengano. O importante é manter a intensa necesidade mercantil na sociedade, mesmo se é preciso xerar abuso e desamparo, submisión e explotación ben camuflada en discursos protectores de pseudodereitos.

Os escaparates mudan cada tempada á procura de novas pantallas de atención e agora os ventres tamén mudan de anuncio engaiolador.

Chega á moda capitalista e ultraliberal a quenda dos ventres de alugueiro, porque non todo pode venderse na primeira campaña publicitaria, de aí que para que o negocio asegure un balance positivo, á maior brevidade posíbel, nada máis certeiro que a blindaxe dun hipotético aval social, cualificado e certificado na tramitación dunha Iniciativa Lexislativa Popular nas cortes españolas que permita legalizar o que se dá en denominar pública –que non popularmente– xestación subrogada, eufemismo de ben difícil explicación para a meirande parte da poboación.

O patriarcado segue a nos inocular o rol que nos debe (pre)ocupar ás mulleres desde aquela inmemorial sentenza bíblica que no condenou a parir submisas e con dor. Mais hoxe, seres humanos bípedos e pensantes, estamos en condicións de acreditar que ter unha crianza biolóxica non é necesidade nin dereito dunha parte, e aínda menos é unha obriga doutra.

Legalizar os ventres de alugueiro é amparar a compra do corpo e da saúde dunha muller, que se sente obrigada a o aceptar maiormente por necesidade económica, e dunha vida humana da que aquela se desprenderá ao parir, como se este acontecemento de risco físico e psicolóxico e mais o tempo precedente de nove meses non tivese máis valor que o de dar o cambio da volta dunha simple transación económica.

Ás veces dáme por pensar nos nosos ventres como moedas de cambio dun reiterado modelo de capas de subalternidade que teima en entender a muller e o seu corpo como obxecto vulnerábel e dependente da praxe do tanto tes, tanto vales.

Ás veces dáme por pensar que os ventres das mulleres valen tanto que non hai cartos que os paguen porque nin o seu corpo nin a súa vontade están en venda.

Publicado en As miñas opinións nos medios | Etiquetado , | Comentarios desactivados en Ás veces dáme por pensar

Poemaxes XXXVIII

Triunfo é da vida
espiral amniótica
en cor decrépita

Publicado en Creación propia, Poemaxes | Etiquetado | 1 comentario

De vacacións, do dereito ou do revés

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza o 7 de setembro de 2017.

Recentemente, unha empregada de banca tentaba convencerme da necesidade de aceptar unha tarxeta de crédito que tiña recibido na miña caixa de correo postal sen a ter demandado. Para alén de loar as vantaxes de acceder a créditos bancarios preferentes, sentiríame unha clienta especial e disporía de moitos privilexios.

Fixen o posíbel por manter un rictus educado, mais non puiden deixar de volver argumentar a miña negativa a aceptar un produto bancario que eu non solicitara confirmando que eu non acreditaba na necesidade de recibir privilexios, senón na importancia de ser respectada nos meus dereitos.

A traballadora da entidade bancaria entendeu a claridade da miña resposta afirmándoa cunha mirada baixa e unha cordial despedida.

Privilexios e dereitos semellan rozaren na pel dalgunhas persoas até pro(mov)eren a máis absoluta confusión, iso si, sempre interesada de parte.

A historia confirma o elevado custe da consecución de dereitos, mesmo con sangue de vidas derramadas, esquecido nun presente, que alguén teima en converter en analfabeto ou cando menos amnésico, e que chega para ficar, camuflado nunha inocua perda de dereitos, mais xustificada como unha natural e xenerosa renuncia de privilexios. Mesmo apelando, como non!, á liberdade, esa palabra cada día máis escoradamente polisémica que, tamén, semella ser privilexio interpretativo dunha minoría exercido sobre o pseudodereito dunha maioría.

E de aí a nacer en nós o sentimento de insolidariedade ou culpabilidade só se traza un camiño tan curto como hipocritamente ermo en que os dereitos, fóra de seren abrigados cobertores, se converten en fríos espidos ao ventimperio.

Como puiden eu aceptar gozar do meu recente descanso vacacional estival discretamente e non renunciar a el publicamente como fixo a presidenta da Comunidade de Madrid, Cristina Cifuentes, alegando que, malia ser un dereito da clase traballadora, este debe ser unha alternativa voluntaria.

Como puiden aceptar no seu día gozar da baixa maternal sen pensalo dúas veces, ou nunha única dose de sentidiño cando menos, como fixo no seu día Soraya Sáenz de Santamaría ou Susana Díaz, alegando as obrigas laborais propias da súa importante representación pública?

Se cadra ao primeiro caso cumpría lembrarlle que o recoñecido dereito ao traballo na actualidade está ben lonxe de estar garantido para nin tan sequera poder exercer liberdades de escolla, convertidas nun inalcanzábel privilexio.

E no segundo podería ser acaído valorar o dereito á saúde e coidado do corpo e mente da muller despois do parto, unha obriga de seis semanas, e que, dado que maternidade e paternidade camiñan da man, é posíbel ceder unha parte dese permiso ao pai, por aquilo de atender á semántica completa propia dun espírito conciliador e corresponsábel da crianza ao pé da letra.

Evidentemente, as actuacións de quen detenta a representación pública sedimentan un pouso social moito máis profundo das que calquera usuaria anónima que actúa conforme a normativa común e democrática. A súa visibilidade é maior e o efecto das súas actuacións tamén, para ben e para mal.

Construír dereitos é avanzar en igualdade colectiva. A infravaloración dos primeiros conleva inacción e avance da desigualdade social no seu conxunto.

Alma que vas fuxindo de ti mesma, que buscas, insensata nas demais?, anticipou Rosalía de Castro.

Fica só por pensar que os dereitos da clase traballadora, coma os das mulleres ou das linguas, non son de primeira ou simplemente son aparentes titulares de prensa en que o papel terma do que lle poñen ou só se asinan convenientemente en papel mollado.

E índomos á raíz batemos coa realidade escura en que fomos sometidas na última década e onde precisamos activas todas as luces de longo alcance, tal e como lemos en Simone de Beauvoir:

Nunca se esqueza de que basta unha crise política, económica ou relixiosa para que os dereitos das mulleres sexan cuestionados. Eses dereitos non son permanentes. Vostede terá que se manter vixiante durante toda a súa vida.

Publicado en As miñas opinións nos medios | Etiquetado , , , , , , | Comentarios desactivados en De vacacións, do dereito ou do revés

Poemaxes XXXVII

Viaxo en sombras
de liñas discontinuas.
Intermitencias

Publicado en Creación propia, Poemaxes | Etiquetado | 1 comentario

De Genet a Cheikh

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza o 10 de agosto de 2017.

O desafío é a resistencia. A paciencia non é sentarse a esperar.

O primeiro pensamento pertence á última novela de María Reimóndez titulada Corredora. O segundo á ópera prima de Cheikh Fayé, Ser modou modou.

A protagonista de Corredora é Genet Mullugueta, unha nena etìope que chega a se converter nunha atleta de recoñecemento internacional.

O protagonista de Ser modou modou é Cheikh Fayé, un home senegalés, migrante, vendedor ambulante e residente na Coruña.

A vida de Genet, demorada no tulu da aldea de North Wolloh, debe trocar polas rúas inexpertas da Addis Abeba fría, de choiva e lama. Un mundo descoñecido, alleo a Genet, á súa nai, Toiba, ás veciñas que acompañan o exilio urbano, por mandato patriarcal, como esmolantes deitadas ao baleiro.

A vida de Cheikh comeza en Gade Escale e continúa en Dakar como profesor de Xeografía e Historia, co obxectivo de ter unha visión ampla do mundo. Un pai de tres fillos que en 2003 se ve obrigado a emigrar só, á procura da mellora da súa situación económica e da familia e a sobrevivir cando o engano de Europa amosa a súa faciana cruel. Eis a memoria da escrita, primeiro en blog e agora en libro: quero contar a historia desde o punto de vista dos leóns. Un xeito senegalego de ver o mundo.

Genet e Toiba, súa nai, son mulleres expulsas da aldea polos homes, mais a pequena sabe que o auténtico reto é ser quen de manter a carreira da vida, auténtica aprendizaxe da sobrevivencia.

Cheikh é expulso dun país que non garante a vida e o futuro do seu pobo, asumindo que os emigrados son parte importante da economía do Senegal, con remesas dun 10% do PIB, e que a diáspora, e canda ela a esperanza do futuro da nación, actúa como un seguro de cego presente, xa que detrás de moitos problemas sociais o que hai é un problema político.

Genet corre para gañar seguridade, para fuxir da instantánea pobre e decadente á procura dun outro futuro que observa nos outros como real, mais que cómpre procurar desde a acción e a intervención. Correr sempre cara adiante para superar e rexenerar o pasado. Correr para obsevar o sabor da liberdade, porque correr era a súa forma de comunicarse.

Cheikh móvese como vendedor ambulante, na precariedade, baixo mínimos sempre, para subsistir aquí e conseguir enviar cartos para a familia a quen hai dous anos que non ve. Cómpre moverse sempre. A pé. Móvome a pé pola cidade. Vou a todas partes a pé. O autobús é caro, é certo. Aforro. Pero sobre todo prefiro camiñar porque é mellor para o corpo.

A carreira de Genet supera o reto individual para se converter nunha realidade de superación colectiva cando pensa sobre todo naquelas que corren invisibles aos ollos do mundo. Porque ela pertence á estirpe de corredoras etíopes que, como tantas mulleres deportistas, non iluminan os focos das cámaras informativas. Así, Genet, que, malia ser personaxe de ficción, recolle a carreira deportiva de Tiki Gelana, ouro olímpico de Londres en 2012, trae á luz outras atletas etíopes: Derarthu, Ejagayehou Dibaba, Teyiba Erkesso, Eyusalem Kuma, nomes propios, singulares, que acompañar e a quen renovar vida campo a través con orgullo.

A carreira contra o pasado de Cheikh, cidadán coma ti e coma min, revisita nomes de aló e de acó, de onte a hoxe, da historia e da política, para interpretarmos as claves da humillación e indignidade dun sistema económico mecido no berce do capitalismo. E de mulleres etíopes organizadas que mudan o mundo: Fatt Diop, Caroline Faye, Aminata Mengue Ndiaye.

Genet trae canda si unha lingua, o ahmárico, e unha cultura propias que achega os sons dun xeito de ser e estar no mundo: injera, tulu, belf, habeshas, gabis…

Cheikh trae a vida senegalesa da man da cultura propia desde o wolof: mbotay, ndeup, sangal…

E nós aquí, canda os dous, desde a cultura que só o idioma propio é quen de crear, como epicentro da encrucillada de camiños acolledores. Porque, como Genet, entendemos que o pasado non regresa e o futuro agarda e, como Cheikh, acreditamos en que ser cidadán significa ser algo máis que espectador.

Publicado en As miñas opinións nos medios | Etiquetado , , , , | 1 comentario

Poemaxes XXXVI

Non hai camiño
que non deixe pegada
ou cicatriz

Publicado en Creación propia, Poemaxes | Etiquetado | 1 comentario

Fin de curso

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza o 13 de xullo de 2017.

Rematou para unha boa parte do alumnado o curso escolar, que se retomará, para a outra e mais o profesorado, coa entrada de setembro.

A avaliación que asinaba a Administración educativa cada fin de curso pretendía afacernos á desaparición de escolas unitarias, fundamentais na vida do medio rural; á supresión de unidades en centros públicos ao tempo que se incrementan concertos co ensino privado; á anulación directa de prazas docentes que de súpeto se vían desprazados ou suprimidos no seu destino ou á eliminación indiscriminada de prazas de persoal específico para o atendemento de alumnado con necesidades educativas especiais.

Mais a capacidade de nos sorprender non acabou aínda e a consellaría suma un novo desgaste ao ensino público ao pechar centros enteiros, unilateralmente, sen talante de diólogo nin democrático.

Non é novo este proceder de costas ao pobo galego, anulando valores de diálogo e convivencia que apenas son predicados na teoría das roldas de prensa e mais na literatura legal.

Lembramos ben nesta fin de curso, novamente convulsa e ofensiva socialmente, todo o calculado proceso de desbaratamento da lingua galega na escola, desde 2010, organizado e promovido desde a máxima entidade protectora que debera ser a propia Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Rematado o período de avaliación ordinaria escolar, a Consellaría segue infrinxindo o mandato do Decreto 79/2010 que obriga na súa disposición adicional quinta a avaliar os resultados derivados da aplicación deste decreto.

Esta carencia impide avaliar colectivamente o cumprimento dos artigos 6.1e 7.1 que compromete a adquisición da competencia lingüística propia da etapa e do nivel nas dúas linguas oficiais de Galicia, que é o mesmo que garantir o desenvolvemento comunicativo en galego e castelán -na oralidade, na escrita, na lectura e na comprensión- na fin da educación obrigatoria.

Moitas familias temos xa formalizada, nesta altura de xullo, a matrícula escolar das nosas fillas e fillos. Asemade, dispoñemos da relación de libros de texto e material didáctico impreso para o novo curso.

Cómpre tirarmos as nosas propias conclusións á vista de cal é a relación expositiva ás linguas oficiais na formación intelectual do noso alumnado para asegurar a correcta adquisición.

Nun curso de gran diversificacion de materias para o alumnado como é 4º ESO, que marca a fin da etapa de escolaridade obrigatoria, o actual decreto que regula a presenza das linguas no ensino permite que nalgún itinerario o galego teña unha presenza de 6 horas semanais (3 de Lingua e Literatura Galega e outras 3 de Xeografía e Historia) dun total de 32 horas á semana.

Atendendo (de forma optimista) á impartición da materia de Inglés nesta mesma lingua nun total de 3 horas, fican un total de 23 horas en castelán para o espazo comunicativo de aprendizaxe. Mais en caso de escoller unha segunda lingua estranxeira como optativa, o cómputo de docencia en castelán sería de 20 horas semanalmente.

Ben é certo que poderiamos agardar que a inspección educativa verificase a aplicación do Proxecto Lingüístico de Centro como ferramenta equilibradora, coas cativas marxes de que dispoñen á vista da peculiar interpretación sociolingüística da consellaría, mais a observación desta listaxe de material educativo e da praxe lingüística diaria, curso a curso, confirma o papel secundario do galego como lingua viva, de proximidade, para a aprendizaxe de calquera outra competencia.

Fica, pois, entre interrogantes o cumprimento dos principios do decreto:

1. Garantía da adquisición dunha competencia en igualdade nas dúas linguas oficiais de Galicia.

2. Garantía do máximo equilibrio posible nas horas semanais e nas materias impartidas nas dúas linguas oficiais de Galicia, co obxectivo de asegurar a adquisición da competencia en igualdade nelas.

O tempo de experimentación está máis que superado. Os resultados positivos continúan sen chegar. E mentres tanto, que facer? Confiarse á paciencia? Pois si. Porque como di o noso veciño senegalego Cheikh Fayé “a paciencia non é sentar a esperar”.

Publicado en As miñas opinións nos medios, Ensino, Lingua | Etiquetado , | Comentarios desactivados en Fin de curso

Poemaxes XXXV

Carmín efémero
petálos de veludo
caduco encanto

Publicado en Creación propia, Poemaxes | Etiquetado | 1 comentario

Poemaxes XXXIV

Tantos camiños
censuras vixiantes
desafiando.

Publicado en Creación propia, Poemaxes | Etiquetado | 1 comentario