Retos e responsabilidades para o libro galego

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza o 10 de febreiro de 2018. Pode consultarse o orixinal aquí.

Moito nos presta acudir a citas de autores galegos –autoras poucas, non vaia ser!- canto máis clásicos mellor –para isto a vellice é un plus!- á hora de enfeitar cun rexistro culto ou mesmo amparar na solvencia os nosos pensamentos, opinión e discursos.

Nomeadamente gustamos de botar man dos mortos, por aquilo de que xa non falan –moito menos han protestar para pedir copyright– e aos que a maioría do lectorado ou auditorio non ten lido ou pode ter algo esquecido, de xeito que mesmo poidan apoiar un noso pensamento oposto a quen lle tomamos emprestada a cita autorial.

Con todo, hai clásicos revirados e clásicas aínda máis!

Agora que estamos a piques de volver celebrar popularmente a vida do Día de Rosalía o vindeiro 24 de febrero, para continuar a convertela nunha autora galega clásica de referencia porque continuamos a lela en presente atemporal, aínda avergoña que o galego Presidente do goberno galego non fose quen de nomear un dos seus títulos –de Rosalía de Castro, claro!– ou que o galego Presidente do goberno español non acepte que a rúa Rosalía de Castro pontevedresa substitúa desde 2010 o nome dun golpista franquista.

Cousas da (falta de) memoria histórica!

No entanto, malia todo, este empobrecemento cultural por desleixo de quen tamén reciben o nome de “autoridades” alónxase moito do coñecemento actual de Rosalía de Castro na sociedade galega que é quen de identificar títulos e mesmo recitar de memoria ou cantar poemas seus.

Tampouco é Rosalía de Castro autora allea ao mundo das letras internacionais, pois o interese polo estudo da súa obra migrou expansivamente a múltiples linguas diferentes grazas á poderosa ferramenta da tradución.

Mais este proceso internacionalizador, isto é, de difusión e coñecemento da literatura galega no exterior, é imparábel no presente grazas a autoras e autores contemporáneos que, por razón de alta calidade literaria, competitiva con calquera outro sistema, desde o galego alcanzan importantes cotas de prestixio do que moito nos orgullamos quen apreciamos a creación literaria galega.

Recollemos con fachenda os títulos que entran en listaxes internacionais como IBBY ou White Ravens, aqueles que son premios “nacionais” concedidos polo Ministerio de Cultura, a presenza de autoras e autores en eventos literarios de corte internacional, o ensanchamento da escrita a través da tradución…

Porque sabemos que iso significa que canda eles estamos todas, está a cultura galega, a nosa columna vertebral como pobo.

Mais non hai recoñecemento posíbel externo se non vén acompañado do interno, por iso as políticas verdadeiramente afortaladoras da formación cultural da sociedade apostan pola creación e difusión do libro como motor social e económico para o converter nun horizonte estratéxico dentro dun modelo económico produtivo.

E de novo aquí o goberno galego está a demostrar a que vén ser xa habitual e recorrente falta de apoio institucional e orzamentario, concretada agora na renuncia a participar nos importantes escaparates internacionais que son as feiras do libro, o que representa o definitivo abandono e renuncia dunha estatexia cultural e editorial institucional para a literatura galega.

O que tamén entendemos como a máis evidente deixadez de funcións e responsabilidades que como goberno galego lle corresponde ao derrogar de facto o Capítulo III de “Promoción do libro” da Lei do libro e da lectura de Galicia de 2006.

Unha lei que identifica o sector editorial como “peza clave” e que compromete o goberno galego a “colaborar coas editoras galegas mediante accións específicas encamiñadas á promoción do libro galego tanto en Galicia como fóra dela”; apoiar “iniciativas que posibiliten novos mercados do libro editado na nosa comunidade con especial relevancia no que afecta á Unión Europea e á área iberoamericana” e fomentar “a asistencia das empresas galegas do sector do libro e dos creadores e creadoras a feiras ou exposicións que se desenvolvan fóra do seu ámbito territorial, incluídos os certames internacionais”.

Unha lei que, conforme as características propias do territorio en que nace e dialoga cos axentes plurais que nela participan, “recoñece o libro e a lectura como instrumentos indispensables para a transmisión da cultura e para o desenvolvemento da identidade de noso”.

Pretender avalar desde a Secretaría xeral de cultura esta renuncia propositada á visibilidade internacional da literatura galega coa contrapartida do apoio ás actividades de promoción da lectura que se desenvolven nas bibliotecas públicas e escolares resulta impropio dun goberno responsábel.

Mais dedúcese das súas palabras que esta é a única conta no seu pobre balance de resultados de apoio á creación dunha rede social lectora que ben sabemos, quen nela participamos, que se sustenta comprometidamente no traballo da asesoría de bibliotecas escolares, por unha banda, e na capacidade mobilizadora que neste sentido veu demostrando a comunidade educativa, pola outra.

A respecto desta última, é importante destacar a dedicación de tempo persoal á formación e desenvolvemento da acción profesional que proxecta unha parte do profesorado do ensino público galego para formar una sociedade lectora que estea á altura do deseño dun futuro inmediato superador.

Mais cómpre que nin a quen se lle presupón responsabilidade política nin ao conxunto da sociedade se lle esqueza que este traballo de dinamización lectora é sempre programado desde o compromiso sincero do profesorado para cos valores que a lectura achega á formación do ser humano, altruísta, pois ofrece xenerosamente o seu tempo non laboral nin lectivo sen ningún recoñecemento administrativo, e desinteresado, pois non percibe ningún tipo de complemento económico, ou o que vén ser o mesmo, un traballo a maiores do que lle corresponde realizado de balde mais non en balde. Baremos aplicábeis, asemade, ao alumnado, familias, persoal non docente, etc., participantes nos clubs de lectura escolares.

E a todo isto hai que lle engadir a empatía e complicidade xenerosa de escritoras e escritores que coa súa presenza, ademais de coa súa escrita, nos axudan na escola a achegar á nosa infancia e mocidade valores sólidos de respecto, ética e moral que non sempre canalizan os medios de comunicación e información aos que está sobradamente hiperexposta.

A lectura frecuenta as emocións, afortala redes de comunicación, coparticipación responsábel e empatía cara ao pensamento diferente, fomenta a tolerancia e contribúe para erradicar o gusto pola toma individual de decisións drásticas e unilaterais gravemente prexudiciais para a sociedade e a súa base cultural como a que acaba de comunicar a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

É por iso tan necesario que o libro galego e a cultura e identidade que transmite recupere o necesario e merecido peso político como alicerce sólido dun futuro propio escrito cos vimbios das nosas creadoras e creadores. Só así axudaremos a medrar os índices de lectura, considerados na propia lei mencionada “como indicadores de benestar, de calidade no desenvolvemento comunitario e de conciencia cívica”.

Eis o reto colectivo, mais tamén o noso compromiso persoal e profesional e a esixencia política.

Esta entrada foi publicada en As miñas opinións nos medios, Ensino, Literatura e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *