O meu nome é o da Cidade Alta

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza o 4 de xaneiro de 2018.

O 6 de marzo de 2004 apagábase dun xeito inesperado a voz da poeta coruñesa Luísa Villalta, mais a memoria poética, en cada nova lectura da súa obra prematuramente conclusa, non deixou de medrar ao longo dos últimos trece anos. Tampouco a memoria da amiga, da violinista, da profesora, da veciña activa e cómplice, da compañeira de letras e de firme compromiso social.

A convocatoria anual do Certame Literario Luísa Villalta no IES Isaac Díaz Pardo de Sada –onde ela foi docente- ou do Premio Luísa Villalta de Iniciativas Normalizadoras da UDC ou, máis fecentemente, o lanzamento do Concurso de ideas “Luísa Villalta” de proxectos culturais pola igualdade desde a Deputación da Coruña, xunto á lembranza poética e a colocación dunha placa que a recoñece socialmente na súa casa da coruñesa rúa Vila de Laxe, 6, por parte da AELG, de cuxo consello directivo fixo parte, confirman a procurada presenza da poeta entre nós.

Esa falta presentida convocou de novo o pobo coruñés, por parte da A. C. Alexandre Bóveda e mais da AELG, a finais deste ano xa vello nun ambicioso programa de actos que, baixo a referencia común “As chaves do tempo”, abrangueu transversalmente as pegadas da poeta nos versos, na música, na fotografía, no teatro, nas artes plásticas, co obxectivo de continuar a socializala na súa cidade biográfica e literaria.

Porque “As chaves do tempo”, nomenclatura herdeira dunha das obras narrativas de Luísa Villalta, naceu coa vontade de ser un espazo de reencontro multidisciplinar e en diálogo atemporal, mais en presente continuo, coa escritora coruñesa, para lermos con ela e nela a Cidade Alta tatuada nos seus ollos.

O nome da poeta e o da cidade ficaron unidas non só por acaso biográfico, senón en propositada simbiose como materia literaria no corpus da súa obra.

A Cidade Alta coa súa luz, cos seus ventos, coa súa microtoponimia, como Cabeza, Garda, Chave, Forza e Antemural do reino renacido, transcende o día a día da poeta para se converter nun modus vivendi.

A Coruña, cidade recoñecíbel nos seus puntos cardinais e na súa iconografía simbólica, somerxe sombras de tempos e espazos devastados, definitivamente vivos na conciencia das habitantes e na memoria dos versos que imprimen lembranzas encabalgadas en tinta negra.

A memoria local reside nunha identidade propia desterrada polo capital devorador que engole construcións e cidadáns, metonimia doutros planos colectivos e de construción nacional, nomeadamente representada nos ecos do Papagaio, convertido no epicentro da desmemoria.

A escrita de Luísa Villalta caracterízase pola forza da diversidade e pola constante procura experimental do feito poético que trascende calquera barreira xenérica, construíndo un corpus autorial literario moi significativo desde comezos dos anos 90.

Ao tempo, o compromiso cívico ocupou moitas páxinas no exercicio literario da autora, converténdose nun nervo que fortalece e vertebra as diferentes expresións xenéricas, en prosa ou en verso.

A desigualdade social, o voraz capitalismo, a defensa da normalización lingüística, a loita feminista desde a reivindicación do empoderamento da muller, a irrenunciábel recuperación da historia propia galega, a defensa dos máis desfavorecidos ocupan páxinas de creación, mais tamén accións participativas de compromiso colectivo.

A Coruña habita e respira como corpo vivo, engarzada na obra da muller poeta e pensadora, tatuada desde o seu epicentro recoñecíbel até as marxes invisíbeis, relida desde as claves do presente.

Sabemos que un lugar medra en valor de riqueza interna e potencial exterior cando é asociado a unha figura cultural referente. É por iso que A Coruña non pode prescindir da memoria humana e literaria de Luísa Villalta.

Razóns de máis para encamiñaren as dúas entidades organizadoras ao Concello da Coruña a petición ao de visibilizar canto antes o nome de Luísa Villalta no rueiro da cidade que ela amou, tal e como foi aprobado en pleno hai xa máis dun ano, para alentar, co recoñecemento popular imprescindíbel, o prognóstico do seu verso: “Acabarei por facer do poema a biografía”.

Esta entrada foi publicada en As miñas opinións nos medios e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.