Recensión de Xandra, a landra que quería voar, por Ramón Nicolás

Esta é a recensión de Xandra, a landra que quería voar, feita por Ramón Nicolás, e publicada en Caderno da crítica o 28 de novembro de 2017:

“Asistir a unha estrea conxunta neste xénero e tan prometedora, de autora e ilustradora a un tempo, que simboliza Xandra, a landra que quería voar, publicado en Urco Editora, resulta unha verdadeira regalía. Éo porque este álbum infantil ten, ademais, esa posibilidade de articularse como unha proposta susceptible de varias lecturas e penso que de todas elas se sae con proveito.

A miña particular obriga a salientar a limpeza, sinxeleza e claridade do trazo nas ilustracións e o acaído da escolla cromática de Paula Pereira, sempre atenta aos mínimos detalles, e que establece un diálogo visual suxestivo co texto de Mercedes Queixas. O imaxinativo relato desta última -nese punto medio que facilita a transmisión da mensaxe de mans dadas cunha expresión coidada- posibilita acceder a un argumento sometido a un proceso de personificación pouco transitado como é o dunha landra que cobra unha presenza activa e singular como gromo dun dos nosos símbolos identitarios, transformada aquí nunha personaxe con personalidade propia que non quere ser coma as demais compañeiras e que abraza, conscientemente, arelas de liberdade e comparte a fe nos propios soños da man dunha andoriña amiga. Pero aínda hai máis, Xandra… resulta operativa a un tempo para encarar a relevancia da nosa contorna natural situada, e a obriga de respectala, situada nun espazo emblemático de noso como é o Courel…, e no Courel non podía faltar, asemade, a presenza do gran Uxío Novoneyra que paira, implícita e explicitamente, en todo o relato.  Ese “chove pra que eu soñe” adquire aquí unha carta de natureza fermosa e fantástica, que convida, sempre, a soñar e voar. Os meus parabéns por esta iniciativa e toda a sorte do mundo para a súa andaina, que espero feliz e intensa.”

Esta entrada foi publicada en Reseñas da miña obra e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.