Recensión de Xandra, a landra que quería voar, en Lecturafilia

Esta é a recensión de Xandra, a landra que quería voar, publicada en Lecturafilia o 15 de decembro de 2017:

“O outro día, despois de ver una serie na televisión pola noite, non daba durmido. Así que, collín dous libros e púxenme a lelos e a soñar. Son dous libros de Urco Editora que, combinados á perfección, me fixeron volver a ser una nena.

Primeiro lin A brétema, unha preciosidade dende o principio a fin. Ilustrado por María Montes Sueiro, e con texto de María Victoria Moreno, é unha proposta educativa que nos fala de como se forma a brétema dun xeito moi ameno, como sempre adoita acontecer coa literatura infantil. A mellor sempre é aquela que nos ensina cousas baixo un prisma pouco convencional e sen que nos decatemos. Con este texto, os máis cativos e cativas terán a oportunidade de achegarse xa dende a primeira idade ao mundo fantástico da que será a homenaxeada polo Día das Letras Galegas 2018.

Decatáronse axiña de que a brétema non era coma as nubes, que están feitas coa auga do mar, que non son amigas das persoas e voan sempre moi altas polo ceo. A brétema, en troques, camiña preto da terra e pousa nas ás dos paxariños ou nos cabelos dos nenos. As nubes levan lóstregos e tronos”.

Seguín despois con Xandra, a landra que quería voar, que contén texto de Mercedes Queixas Zas e ilustracións de Paula Pereira Carreiro. Como no caso anterior, é un libro moi coidado, que nos fala dos soños, e das posibilidades que, como seres humanos, temos de conseguilos. É unha historia para crer, para ter esperanza e para nunca renderse, valores estes que parecen perderse nas nosas sociedades.

Lonxe do que poderiamos pensar, estas dúas historias están concibidas para todos os públicos, pois os soños e a fantasía son algo connatural ás persoas, sen límites de idade. Ademais, estes dous libros teñen algo máis en común, que están protagonizados e creados por mans femininas, unha proba de que as mulleres temos moito que achegar a este mundo. Por iso, parabéns por partida dobre a Urco Editora: por recuperar e publicar historias fantasiosas e universais, e por visibilizar sempre ás mulleres.

Anímovos a agasallar no Nadal con estes libros. Cabe mencionar tamén que os dereitos de autoría de A brétema serán cedidos por desexo da familia de María Victoria Moreno á Asociación de Atención á parálise cerebral e afíns “Amencer-Aspace”.”

Esta entrada foi publicada en Reseñas da miña obra e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *