De vacacións, do dereito ou do revés

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza o 7 de setembro de 2017.

Recentemente, unha empregada de banca tentaba convencerme da necesidade de aceptar unha tarxeta de crédito que tiña recibido na miña caixa de correo postal sen a ter demandado. Para alén de loar as vantaxes de acceder a créditos bancarios preferentes, sentiríame unha clienta especial e disporía de moitos privilexios.

Fixen o posíbel por manter un rictus educado, mais non puiden deixar de volver argumentar a miña negativa a aceptar un produto bancario que eu non solicitara confirmando que eu non acreditaba na necesidade de recibir privilexios, senón na importancia de ser respectada nos meus dereitos.

A traballadora da entidade bancaria entendeu a claridade da miña resposta afirmándoa cunha mirada baixa e unha cordial despedida.

Privilexios e dereitos semellan rozaren na pel dalgunhas persoas até pro(mov)eren a máis absoluta confusión, iso si, sempre interesada de parte.

A historia confirma o elevado custe da consecución de dereitos, mesmo con sangue de vidas derramadas, esquecido nun presente, que alguén teima en converter en analfabeto ou cando menos amnésico, e que chega para ficar, camuflado nunha inocua perda de dereitos, mais xustificada como unha natural e xenerosa renuncia de privilexios. Mesmo apelando, como non!, á liberdade, esa palabra cada día máis escoradamente polisémica que, tamén, semella ser privilexio interpretativo dunha minoría exercido sobre o pseudodereito dunha maioría.

E de aí a nacer en nós o sentimento de insolidariedade ou culpabilidade só se traza un camiño tan curto como hipocritamente ermo en que os dereitos, fóra de seren abrigados cobertores, se converten en fríos espidos ao ventimperio.

Como puiden eu aceptar gozar do meu recente descanso vacacional estival discretamente e non renunciar a el publicamente como fixo a presidenta da Comunidade de Madrid, Cristina Cifuentes, alegando que, malia ser un dereito da clase traballadora, este debe ser unha alternativa voluntaria.

Como puiden aceptar no seu día gozar da baixa maternal sen pensalo dúas veces, ou nunha única dose de sentidiño cando menos, como fixo no seu día Soraya Sáenz de Santamaría ou Susana Díaz, alegando as obrigas laborais propias da súa importante representación pública?

Se cadra ao primeiro caso cumpría lembrarlle que o recoñecido dereito ao traballo na actualidade está ben lonxe de estar garantido para nin tan sequera poder exercer liberdades de escolla, convertidas nun inalcanzábel privilexio.

E no segundo podería ser acaído valorar o dereito á saúde e coidado do corpo e mente da muller despois do parto, unha obriga de seis semanas, e que, dado que maternidade e paternidade camiñan da man, é posíbel ceder unha parte dese permiso ao pai, por aquilo de atender á semántica completa propia dun espírito conciliador e corresponsábel da crianza ao pé da letra.

Evidentemente, as actuacións de quen detenta a representación pública sedimentan un pouso social moito máis profundo das que calquera usuaria anónima que actúa conforme a normativa común e democrática. A súa visibilidade é maior e o efecto das súas actuacións tamén, para ben e para mal.

Construír dereitos é avanzar en igualdade colectiva. A infravaloración dos primeiros conleva inacción e avance da desigualdade social no seu conxunto.

Alma que vas fuxindo de ti mesma, que buscas, insensata nas demais?, anticipou Rosalía de Castro.

Fica só por pensar que os dereitos da clase traballadora, coma os das mulleres ou das linguas, non son de primeira ou simplemente son aparentes titulares de prensa en que o papel terma do que lle poñen ou só se asinan convenientemente en papel mollado.

E índomos á raíz batemos coa realidade escura en que fomos sometidas na última década e onde precisamos activas todas as luces de longo alcance, tal e como lemos en Simone de Beauvoir:

Nunca se esqueza de que basta unha crise política, económica ou relixiosa para que os dereitos das mulleres sexan cuestionados. Eses dereitos non son permanentes. Vostede terá que se manter vixiante durante toda a súa vida.

Esta entrada foi publicada en As miñas opinións nos medios e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.