De Genet a Cheikh

Artigo publicado na versión en papel de Sermos Galiza o 10 de agosto de 2017.

O desafío é a resistencia. A paciencia non é sentarse a esperar.

O primeiro pensamento pertence á última novela de María Reimóndez titulada Corredora. O segundo á ópera prima de Cheikh Fayé, Ser modou modou.

A protagonista de Corredora é Genet Mullugueta, unha nena etìope que chega a se converter nunha atleta de recoñecemento internacional.

O protagonista de Ser modou modou é Cheikh Fayé, un home senegalés, migrante, vendedor ambulante e residente na Coruña.

A vida de Genet, demorada no tulu da aldea de North Wolloh, debe trocar polas rúas inexpertas da Addis Abeba fría, de choiva e lama. Un mundo descoñecido, alleo a Genet, á súa nai, Toiba, ás veciñas que acompañan o exilio urbano, por mandato patriarcal, como esmolantes deitadas ao baleiro.

A vida de Cheikh comeza en Gade Escale e continúa en Dakar como profesor de Xeografía e Historia, co obxectivo de ter unha visión ampla do mundo. Un pai de tres fillos que en 2003 se ve obrigado a emigrar só, á procura da mellora da súa situación económica e da familia e a sobrevivir cando o engano de Europa amosa a súa faciana cruel. Eis a memoria da escrita, primeiro en blog e agora en libro: quero contar a historia desde o punto de vista dos leóns. Un xeito senegalego de ver o mundo.

Genet e Toiba, súa nai, son mulleres expulsas da aldea polos homes, mais a pequena sabe que o auténtico reto é ser quen de manter a carreira da vida, auténtica aprendizaxe da sobrevivencia.

Cheikh é expulso dun país que non garante a vida e o futuro do seu pobo, asumindo que os emigrados son parte importante da economía do Senegal, con remesas dun 10% do PIB, e que a diáspora, e canda ela a esperanza do futuro da nación, actúa como un seguro de cego presente, xa que detrás de moitos problemas sociais o que hai é un problema político.

Genet corre para gañar seguridade, para fuxir da instantánea pobre e decadente á procura dun outro futuro que observa nos outros como real, mais que cómpre procurar desde a acción e a intervención. Correr sempre cara adiante para superar e rexenerar o pasado. Correr para obsevar o sabor da liberdade, porque correr era a súa forma de comunicarse.

Cheikh móvese como vendedor ambulante, na precariedade, baixo mínimos sempre, para subsistir aquí e conseguir enviar cartos para a familia a quen hai dous anos que non ve. Cómpre moverse sempre. A pé. Móvome a pé pola cidade. Vou a todas partes a pé. O autobús é caro, é certo. Aforro. Pero sobre todo prefiro camiñar porque é mellor para o corpo.

A carreira de Genet supera o reto individual para se converter nunha realidade de superación colectiva cando pensa sobre todo naquelas que corren invisibles aos ollos do mundo. Porque ela pertence á estirpe de corredoras etíopes que, como tantas mulleres deportistas, non iluminan os focos das cámaras informativas. Así, Genet, que, malia ser personaxe de ficción, recolle a carreira deportiva de Tiki Gelana, ouro olímpico de Londres en 2012, trae á luz outras atletas etíopes: Derarthu, Ejagayehou Dibaba, Teyiba Erkesso, Eyusalem Kuma, nomes propios, singulares, que acompañar e a quen renovar vida campo a través con orgullo.

A carreira contra o pasado de Cheikh, cidadán coma ti e coma min, revisita nomes de aló e de acó, de onte a hoxe, da historia e da política, para interpretarmos as claves da humillación e indignidade dun sistema económico mecido no berce do capitalismo. E de mulleres etíopes organizadas que mudan o mundo: Fatt Diop, Caroline Faye, Aminata Mengue Ndiaye.

Genet trae canda si unha lingua, o ahmárico, e unha cultura propias que achega os sons dun xeito de ser e estar no mundo: injera, tulu, belf, habeshas, gabis…

Cheikh trae a vida senegalesa da man da cultura propia desde o wolof: mbotay, ndeup, sangal…

E nós aquí, canda os dous, desde a cultura que só o idioma propio é quen de crear, como epicentro da encrucillada de camiños acolledores. Porque, como Genet, entendemos que o pasado non regresa e o futuro agarda e, como Cheikh, acreditamos en que ser cidadán significa ser algo máis que espectador.

Esta entrada foi publicada en As miñas opinións nos medios e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a De Genet a Cheikh

  1. Pingback: De Genet a Cheikh – Senegaliza

Os comentarios están pechados.