Entrevista a Luz Pozo Garza: “Sen poesía non podería vivir”

Entrevista a Luz Pozo Garza, publicada orixinalmente no Sermos Galiza número 169, o 29 de outubro de 2015.

-A túa primeira luz foi Ribadeo en 1922. Que evoca este lugar da Mariña lucense para ti?

-Ribadeo é o paraíso perdido e recobrado. Perdido porque tiven que partir del aos sete anos e recobrado porque, a pesar de me ir tan nova e non volver vivir alí, sempre me quixeron moito, sempre estivo moita xente pendente de min, do meu traballo, da miña escrita. Conservo lembranzas moi nítidas como a forza do mar, o ruído do tren, un cabaliño de cartón pedra ou a construción de casas modernistas. Tamén lembro a gran perda que supuxo a queima das bibliotecas da casa, unha de meu pai e outra de miña nai.

-Como evoluíu a túa relación coa vila natal?

-Dionisio Gamallo Fierros foi o fío condutor. Dionisio era algo máis vello ca min, as nosas familias eran amigas e el tiña nun baixo unha biblioteca enorme onde alugaba libros. Cando retornei a vivir a Viveiro, á volta de Marrocos, por causa da guerra, Dionisio viña visitarme, sempre me tivo moita estima desde nena, falaba de min en Ribadeo, escribía sobre min e foime introducindo na vila, no círculo social. Grazas a el nunca rompín os lazos de afecto con Ribadeo.

-Que papel tivo a familia no teu primeiro encontro coa literatura?

-A miña familia foi central, xa que na miña casa se lía moito, a lectura facía parte da vida diaria. Meu pai e miña nai eran grandes lectores. Miña nai, que era mestra, aprendeume a ler aos tres anos; era unha muller moi culta, dominaba varios idiomas e, ademais, era poeta, sobre todo en galego. Cada Nadal escribía un poema longo, de influencia sempre rosaliana, que logo se recitaba na mesa na cea de Noiteboa. Meu pai era un devorador de libros, estaba subscrito a todo, interesáballe todo. Gustábame entrar na súa biblioteca cando el non estaba na casa e ler o que alí encontraba, aínda que non fosen lecturas propias dunha nena tan pequena. El sempre me dicía que tiña que pedirlle permiso e procuraba darme as lecturas que consideraba máis propias. Na nosa familia adoitabamos escribir pequenos poemas dirixidos uns a outros como agasallo no día do aniversario, onomástica ou calquera outra celebración. A escrita e a lectura estaba totalmente integrada no noso tempo de infancia. Aínda hoxe podo recitar de memoria moitas das lecturas que aprendín na casa familiar de Ribadeo de nena.

-En Ribadeo ten lugar o teu primeiro encontro coa literatura.

-Efectivamente. A prolongación do plano familiar para min residía nese baixo con libros de Gamallo Fierros. Alí produciuse o outro encontro extrafamiliar coa literatura e coa lectura. Lembro o día que pasei por alí de volta da escola, entrei e aluguei o meu primeiro libro, Los tres mosqueteros. Pagueille un perrón, que é como en Ribadeo chamabamos ao patacón.

-Que incidencia puido ter Ribadeo na túa escrita?

-Ribadeo é o meu berce literario porque todo o que teño en min naceu de Ribadeo. A xénese de todo, tamén creativa, reside nas tres casas que habitamos, sempre en réxime de aluguer, nunca tivemos casa en propiedade. Primeiro, na casa onde nacín en San Roque; despois, nunha casa de campo en Cantalarrana, próxima ao río onde había unha luz marabillosa en que me sentía fundida coa natureza; finalmente, na última casa, máis céntrica, perto da igrexa, onde pasaba medos horribles porque alí se xuntaban as muchachas das casas e contaban contos de medo. Aí descubrín o medo.

-Precisamente en 2001 a AELG entregouche a Letra E e celebrou contigo a “Homenaxe á Escritora na súa Terra” en Ribadeo.

-Así foi. Déronme a escoller o lugar onde celebrar a homenaxe e sentín que tiña que ser Ribadeo. Moi perto da casa onde nacín chantouse un monólito cun poema que seleccionei do libro Vida secreta de Rosalía, aludindo, implicitamente, a Ribadeo e Viveiro, os meus dous espazos vivenciais. Foi un día emocionante, como se estivese nunha nube entre tanta xente amiga e querida. Sentinme moi arroupada, acompañáronme moitos amigos e moitas poetas novas, que sempre emociona. Déronme unha rúa na miña vila de nacemento e iso tamén impresiona moito.

-Que pouso de Ribadeo está na túa escrita poética?

-Ribadeo está moi presente nos meus poemas, sobre todo nos primeiros tempos. Está en todo, aínda que non o mencione explicitamente. Alí é onde coñecín o mar bravo e as primeiras visitas á praia coa miña nai e meu irmán vividas con moita emoción; o mar onde un día descubrín con sorpresa os golfiños saltando no horizonte. En Vida secreta de Rosalía está o mar de Ribadeo e as cunchiñas de Reinante. En Prometo a flor de loto reaparece, así como no propio título de Ribadeo, Ribadeo.

Ánfora (1949) foi o primeiro poemario publicado en castelán e O paxaro na boca (1952) o terceiro, xa en galego. Como se produce a mudanza de lingua no teu proceso de evolución creativa?

-É completamente diferente para min escribir nun idioma ou noutro, mais a progresión da obra está en toda a poesía, independentemente da lingua de creación. O paxaro na boca nace grazas a Manuel María, despois do éxito de Ánfora. El mesmo escribiu críticas moi eloxiosas sobre o meu primeiro poemario. Animoume moito a escribir en galego. Dicíame que Galicia necesitaba poetas. Era boísimo, moi boa persoa. A min non se me ocorría escribir en galego porque non o falaba, mais non era para min un idioma descoñecido porque o tiña interiorizado desde a lectura de poemas de Rosalía de Castro e de Curros Enríquez (a quen admiraba meu pai). Tiña moitos poemas aprendidos de memoria. Despois de cear, todos os días liamos en voz alta e comentabamos os poemas.

O paxaro na boca traza algunhas liñas moi presentes na túa poesía.

-É un libro de amor soñado, dedicado a quen máis tarde sería o meu home, Eduardo Moreiras. Retrata experiencias vividas en Viveiro e nel son fundamentais as xentes do mar, os mariñeiros e as mulleres que ían vender peixe á praza.

Códice Calixtino é considerada unha obra canónica da literatura galega. Que representa para ti?

Foi un proceso creativo novo para min. Era dona dunha capacidade de relación madura, persoal e intelectualmente. Sempre tivo moi boa acollida este libro, mais eu encóntrome moito mellor con Últimas palabras / Verbas derradeiras. Síntome moito máis identificada con esa escrita porque reproduce a expresión máis íntima do meu pensamento amoroso. A percepción e recoñecemento do público e da crítica literaria ante unha obra non sempre coincide coa persoal de quen escribe. Con que poemarios teus non deixaches de te sentir identificada? Á parte dos mencionados Ánfora, Últimas palabras / Verbas derradeiras e Vida secreta de Rosalía, gustaríame destacar As arpas de Iwerddon e Medea en Corinto. Son libros nos que aínda me encontro hoxe, non os sinto pasados de moda. Unha mención especial debo facer para Sol de medianoche, publicado en 2013 e que naceu coa perda da miña neta. É o poemario máis intensamente sentido.

-En 1996 es nomeada membro numerario da RAG e ingresas coa lectura do discurso intitulado Diálogos con Rosalía. Tiña que ser Rosalía de Castro compañeira vital máis unha vez?

-Rosalía é a nosa alma mater, tiña que ser ela a que me acompañase porque como ela non hai ninguén. Hoxe temos moitas liñas poéticas, moitas vías de expresión lírica, pero no seu tempo apenas o romantismo esgotado e o naturalismo. Rosalía, con moita sensibilidade e intelixencia, abriunos moitos camiños e foi quen de se ocupar de todos os aspectos -sociais, políticos- porque todo o humano era do seu interese.

-Que é a poesía para ti?

-É a miña vida. Nacemos con ela, levámola dentro. Sen poesía non podería vivir. Aínda que non a escribas, vívela. O primeiro que fago cando me ergo é mirar pola ventá como se move o mar, como se moven as follas… a vida é poesía, os sentimentos e as emocións. Pódese ser moi feliz coa poesía.”

Esta entrada foi publicada en Entrevistas e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.