Construíndo a diversidade man a man, corazón a corazón

Este foi o texto lido no acto LGTBQI. Construíndo diversidade, organizado pola Deputación da Coruña, e que tivo lugar o pasado 28 de xuño na Coruña.

CONSTRUÍNDO A DIVERSIDADE MAN A MAN, CORAZÓN A CORAZÓN

Somos diversidades, así, en plural e como principio colectivo.
Nacemos en e para enriquecermos contornos múltiples e diversos, sen analoxías inmediatas preconcibidas e pseudonaturais, mais si intencionadamente programadas e homologadoras da unicidade, segundo quen dirixa o (seu) modelo convencional preestabelecido.
Na nosa linguaxe queremos e debemos superar o inmobilismo do prefixo uni- a prol da rendibilidade beneficiosa dos bi- / pluri- / multi- / poli- / trans-, partículas que nacen para mudaren inequivocamente a semántica do rumbo da Historia.
A Historia, case sempre a non contada, malia transcorrer en maiúscula, é ese lugar en que facermos pé para non esvarar.
E do mesmo xeito que o vindeiro 28 de xuño celebramos o Día do Orgullo, que hoxe festivamente anticipamos, nesa mesma data de 1936 a sociedade galega amosaba o seu orgullo identitario ao aprobar en referendo o Estatuto de Galiza, un proxecto político intencionadamente reparador de marxinalidades e exclusións, de aposta pola inclusión, a integración e o recoñecemento da centralidade dos nosos trazos definidores dentro da diversidade xeográfica, económica, cultural, lingüística… na procura da equidade social, humana.
Agora cómprenos facer historia.
No noso presente, e noutro marco global tan insuficientemente progresivo como falsamente globalizado, nas primeiras aprendizaxes das crianzas asoma a sorpresa da diversidade de obxectos, números, letras e cores. Todas elas sometidas a mudanzas naturais, como a paleta de cores do devir de cada día, e a interrelacións constantes, vivas! Cada unha das cores ficaría adormecida na súa propia fráxil soidade se non fose pola presenza doutra cor solitaria e solidaria coa que confluíren para crearen a harmónica diversidade multicromática.
Non recoñecemos as nosas, xa cada vez máis cativas, fragas se non é desde a natural construción da biodiversidade tamén cromática. Biodiversidade no amar e no sentir, como ama e sente a natureza en liberdade.
Porque todo ficaría moito máis incompleto sen a amplitude da aperta do arco da vella.
A cultura é ferramenta principal de creación e construción social e é por iso que ten que colaborar para subverter aquelas normas, regras ou principios estabelecidos, de parte, e contrarios aos principios irrenunciábeis da igualdade.
A palabra, desde a coeducación colectiva da que todas facemos parte, nomeadamente como referente para as crianzas e a mocidade, ten que nacer da raíz do respecto polo ser humano que habita neles en equidade co respecto polo conxunto desoutras que nos acompañan, sen condicionantes prexuizosos, sen etiquetaxes con códigos de barras que só teiman en desequilibrar a balanza da nosa aproximación humana e do noso querer para querérmonos apenas desde unha unívoca e unilateral fiscalizadora relación de poder.
Desde a literatura, os escritores e as escritoras temos un papel que xogar na creación de personaxes e contextos cos que trasgredir a textualidade convencional que tantas veces determina e prefixa a creación literaria e, canda ela, esa foto fixa irreal do día a día.
A literatura, nos múltiples e diversos corpos da escrita, convértese en retratista de tabús e reparadora de eufemismos encubridores de verdades, que debe atender a súa responsabilidade como transmisora de valores, como construtora de pensamento e espello da realidade na súa diversa totalidade presente, para continuar a ser críbel perante a lectura crítica da sociedade.
Porque acreditamos na igualdade da diversidade. Porque de suma de cores e de amores imos construíndo a diversidade. Queremos ser convosco. Queremos, man a man, continuar a construír a diversidade.

Esta entrada foi publicada en Creación propia e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.