Entrevista en Sermos Galiza: “A miña esperanza está sempre na sociedade”

Entrevista publicada na versión dixital de Sermos Galiza o 6 de xuño de 2017. Pode verse a edición orixinal aquí.

“Escritora, feminista, activista a prol da causa do ensino público galego e en galego. É Mercedes Queixas. E é quen toma a palabra esta terza feira no #VenhanMais5.

Sermos Galiza: Como avalías o estado actual do ensino galego?

Resposta: É complexo facer unha breve e, ao tempo, axustada descrición dunha realidade global tan diversa como é a que representa o ensino galego. A escola é una microsociedade e nos seus espazos internos espéllase todo o que acontece fóra dela a nivel familiar, colectivo, socioeconómico.

Neste momento, despois da fortísima regresión vivida desde hai cerca dunha década, percibo unha Administración educativa galega con competencias nesta área que non é quen de contrarrestar nin cuestionar as actuacións negativas e anuladoras do Estado canto aos principios pedagóxicos e os valores da identidade galega.

Percibo unha escola propositadamente cada vez menos pública, menos laica, menos democrática, menos galega, menos comprometida coa diversidade e con menos oportunidade para competir desde a calidade. Constato unha escola galega que, contra todo criterio didáctico, deixa de asegurar a adquisición da lingua propia cumprindo un papel desgaleguizador máis propio doutro tempo.

Asemade, comprobo con decepción como unha parte do colectivo de profesionais do ensino e da sociedade actúa desde a resignación e o conformismo, procurando sobrevivir de xeito illado a tanta involución e precariedade.

Con todo, a imaxe que permanece para min deste tempo tan duro desde a perspectiva socioeducativa é a intensa capacidade de unión resistente ao longo de moitos anos nunha parte moi importante da comunidade, que foi capaz de facer fronte e mesmo parar actitudes e resolucións moito máis lesivas e agresivas para o ensino público galego.

Sermos Galiza: Que evolución agardas do ensino galego a cinco anos vista?

Resposta: Os tempos políticos e as actitudes que se observan por parte dos seus responsábeis non permiten intuír camiños moi diferentes a tan curto prazo. Actualmente, tenta amortecerse a acción crítica e reivindicativa da sociedade, das ANPAS e dos sectores vinculados co ensino, co anuncio do nacemento dunha vontade de pacto educativo español que, polo de agora, entendo que en verdade non atende de raíz as causas da forte contestación social que provocou toda a recente lexislación, de marcada ideoloxía centralizadora e contraria –mesmo negadora– do carácter plurilingüe e multicultural do Estado español.

A miña esperanza está sempre na sociedade, que debe ser a auténtica portavoz en defensa da intolerancia e contra a indiferenza administrativa dun elemento vertebrador e cohesionador da sociedade como é a educación pública galega.

Sermos Galiza: Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

Resposta: Agardo que nos siga a contar a realidade galega que noutros medios se oculta ou distorsiona e que nos ensanche as marxes de coñecemento doutras realidades exteriores.

Desexo que siga medrando na incorporación de contidos culturais para dar visibilidade á capacidade creadora da inmensidade e diversidade de tantas manifestacións da cultura galega que nos sostén, como columna vertebral da historia, desde o pasado até o presente, na que nos recoñecemos con nome e personalidade propia, desde a capacidade de nos convocar ao redor dela como galegas e galegos no conxunto da historia global dos pobos.”

Esta entrada foi publicada en Ensino, Entrevistas e etiquetada . Garda a ligazón permanente.