Agradecemento polo Premio de Ensaio a Labrego con algo de poeta na II Gala do Libro Galego

Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María foi premiada na Gala do Libro Galego 2017 na modalidade de ensaio o pasado 20 de maio, prolongando aínda máis as secuencias de tantas horas de alegrías vividas co lectorado de tantos lugares diferentes durante 2016.

Partillo convosco desde estoutro cuarto a miña intervención de profundo agradecemento, con certeza nunca suficiente.

_________________________________

Reciban o meu agradecemento todas e cada unha das persoas que me trouxeron hoxe até aquí, desde aquel primeiro día en que Vítor Freixanes, en nome da Editorial Galaxia, me lanzou a proposta de escribir unha biografía de Manuel María para que o Día das Letras Galegas contribuíse a coñecer o legado humano e literario do noso autor máis prolífico, até todo ese acompañamento anónimo que converteu este meu traballo en finalista e o xurado externo á organización que hoxe resolveu honralo con este premio.

Sempre defendín esta obra como unha escrita colectiva, tecida cos fíos de varias mans, necesariamente coral como practicou e nos aprendeu Manuel María. O seu valor reside no préstamo das palabras de vida compartida por tantas persoas próximas aos perfís complementares do noso autor admirado e estimado. De entre todas, é preciso destacar a voz que prendeu nel en labarada estremecida, Saleta Goy, presidenta da Fundación Manuel María, sempre afectuosa e pronta para responder os meus interrogantes e exclamacións, para esclarecer e verificar, como fonte limpa, unha vida intensa habitada en común.

É honra maior ser premiada nesta II Gala do Libro Galego, que naceu para pór en valor e facer forte a industria do libro, unha arteria básica da nosa sociedade que nos negamos a deixar atoar sen remedio, porque sen a forza das palabras de noso o futuro só pode ser moito máis pobre e fraudulento.

Hoxe estamos a celebrar a palabra, esa que precisamos para sumar e multiplicar, para elevar á máxima potencia, para programar un escornabot na biblioteca escolar, para rechiar esencias de 140 caracteres que conxuguen a lingua en futuro… para escribir que o idioma é a chave con que abrimos o mundo e que renunciar ao idioma é ser mudo e morrer.

É moito hora de volvermos a lingua de noso á súa centralidade, aquela que da fe de vida ao noso traballo e a encontros coma este, aquela que sementa no camiño da vida o emocionario das nosas palabras.

Cómpre concienciármonos de que ningún futuro agarda para a literatura galega sen a lingua galega, o substrato que a sostén, na escrita e na lectura, para a expresión e intercomunicación dun xeito propio e complementar de comprender o mundo.

Precisámonos para romper as inercias do conformismo e da intolerancia en que se pretende instalar o proceso de normalización lingüística. Velaí o capítulo da historia que, en conciencia, debemos construír e o papel co que traspasaremos as páxinas do futuro. Colectivicemos o verso da poeta María do Carme Kruckenberg Sanjurjo: “Que non te invalide a indiferenza”. Que non nos invalide nunca a indiferenza perante a defensa e o traballo en galego.

Grazas polas palabras, bisavoas Daniela, Jesusa e Carmela; bisavós José e Pedro; avoas Mercedes e Preciosa; avós Pepe e Ricardo; Carmiña e Pepe, meus pais; Ramón, Andrea e Mariña, maiúsculas e minúsculas que me sostedes.

Porque nada máis que sombra sería sen as vosas palabras!

Viva a Gala do Libro Galego!

Esta entrada foi publicada en Actos públicos e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.