Usted no sabe donde se mete

Artigo publicado no formato en papel de Sermos Galiza o 20 de abril de 2017.

Ultimamente o presente convida a voltarmos ao pasado, non tanto porque a madurez íntima precise de nostálxicas raíces, senón porque o cotián obriga a involuírmos como por arte de (mala) maxia.

Saudamos a edición da RAG d´Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización, dicionario de 1.500 apelidos galegos que vén deitar luz no camiño das sombras iletradas que oficializaron sucesivos agravios onomásticos anuladores da nosa identidade.

Os nosos apelidos falan de nós e por nós, da nosa estirpe e da comunidade que habitamos, facendo parte do patrimonio biográfico familiar, mais tamén do inmaterial colectivo.

No noso caso, reparamos na singularidade do apelido paterno que nos acompaña e presenta a comezos dos 90, recén licenciada en Filoloxía, cando os interrogantes por volta do conflito lingüístico galego encamiñaban algunhas respostas.

Traio para aquí ao avó paterno, Ricardo Queijas Fuentes, sinatura oficial que camuflaba a auténtica identidade individual na contorna veciñal, o recoñecemento inter pares no homónimo toponímico do concello de Cerceda, onde Ricardo era avalado como o de Queixas, dos de Fontes.

A teoría sobre sociolingüística batía exemplar na propia saga familiar, polo que cumpría reparar, restaurar a memoria enfraquecida a ferro e tinta con carimbo oficial, desenrugar a pel impresa da burocracia imposta que non atendeu razóns de ser e estar nos marcos do plurilingüismo e multiculturalismo.

Queixas era o lugar de procedencia e Queixas debía ser o patronímico que cumpría revitalizar para a nosa estirpe, solicitando a galeguización no Rexistro Civil.

E chegou o día de nos presentar alí coa documentación requirida para, exposta a petición ao funcionario público, este dirixirnos a súa ollada directa cun sonoro “No sabe usted donde se mete!”. Escoitar aquela sentenza firme e reconstruír mentalmente o exasperante relato de Suso de Toro, “Así foi doutor”, axudou a descomprimir a tensión que cruzaba do interior ao exterior daquel monolítico mostrador, pois eu non estaba disposta a rematar a escena real cun amago de ataque ao corazón como aqueloutro protagonista narrativo, por moito que a realidade teime en superar a ficción.

Respondín que sabía onde estaba, porque acudira polo meu pé, e para que: solicitar que o apelido paterno volvese ser fiel en nós á orixe galega.

Apenas volvín escoitarlle aquel timbre de voz severo até que, logo de recoller toda a documentación e entregarme copia co rexistro de entrada, me dirixiu unha nova advertencia: “Ya sabe usted que esto va para largo, verdad?”

A paciencia respondeu que non tiña présa ningunha nin prazos marcados, pois o importante era que o expediente comezase a súa resolución. E todo se resolveu axiña e sen maior complexidade.

Apelaba ao comezo a esa teima en voltarnos ao pasado en negro mate que representa o feito de, ao tempo que a RAG edita un necesario repertorio onomástico, un xulgado de Corcubión dificulte o dereito individual dunha moza que demanda a reparación ortográfica do apelido Rey pola forma galega Rei, solicitude amparada legalmente e argumentada con ditame da propia RAG.

Mencionabamos tamén a simbiose identitaria que os apelidos tecen entre o ámbito individual, privado e o colectivo, comunitario, o que nos leva a outra situación persoal vivida recentemente.

A piques de superar un control policial para acceder á terminal do aeroporto de Dublín, chegou a quenda de lle entregar o documento de identidade á muller policía. Logo de alternar mudas olladas atentas entre o documento e a miña persoa, durante segundos que semellaron torpes minutos -nos que sucesivos interrogantes circularon pola mente a respecto de datas de caducidade ou confusións absurdas e onde tentaba ordenar respostas de discurso convincente en inglés-, por fin ela falou para min:

– Queixas?
– Yes.
– Galega coma min, eu… Bieites!
– …
– Boa viaxe de volta á casa!
– Grazas!

Dúas chiscadelas de ollos e un aceno coa man ratificaron todo o que o meu apelido falou de nós e por nós.

Esta entrada foi publicada en As miñas opinións nos medios e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.