Derradeira carta para Mª do Carme Kruckenberg

Artigo publicado na versión dixital de Sermos Galiza o 16 de maio de 2015. O formato orixinal pode consultarse aquí.

A Mª do Carme Kruckenberg Sanjurjo

Acaso hoxe
non acudiron á tertulia
as palabras convocadas.

Acaso hoxe
os vagalumes ficaron presos
na redonda visguenta
das nubes parideiras.

Impúxose da linguaxe arrítmica
o serán á luzada
das horas infantes brincadas
en insólita
provocadora lucidez.

O pai…
O mar…
Kant…
Amores inventados…
Shopenhauer…
A poesía…

Palabras tobo.
Fol de sílabas.
Ditongos para naufragares
nunha sintaxe urticante.

Modelar palabras para recompor a cartografia da vida.
Retar impulsos de autodestrución.
Inventariar sonoros sorrisos
-acaso hoxe sen rouge-
mañá enmudecidos no negativo revelado.
Reconstruír a memoria dos afectos.
Sangrar a cicatriz do odio.
Amasar desencantos até desafiuzar a mentira.

Nicotina…
Whisky…
Café…
Vivir, aventura irrepetíbel…
Saldo líquido a percibir…
Positivo.
Sempre contundente.

Olladas cómplices
a me falaren o que a boca farisea nega
en insólita recíproca harmonía
para espantar da dor
os medos que supuran as fendas do corpo
e a amnesia da alma.

Adeus, amiga,
tráncalle a porta ao solpor de zume de mazás cincentas
e tráballe a codia á noite sacrílega.

Benquerida Carme, amiga:

Naceron estas palabras, que xa nunca cheguei a lerche, hai algo menos dun ano, sen as procurar, no comboio de retorno desde Vigo á Coruña, nese desprazamento a través dos camiños de ferro convertido en aliado da nosa amizade, logo dunha completa xornada contigo, acompañándonos nas palabras das lembranzas partilladas e nas ilusións dos proxectos de escrita en común que o tempo quixo aparcar para sempre na noite.

Algo me dixo na soidade da fin do día, ao atravesar a ría do teu Vigo amado, que probabelmente fora a última conversa máis ou menos fluída en que aínda me recoñecerías antes de che roubaren o sorriso; algo me besbesullou, irritante e provocador, que o noso libro de viaxes, contradicíndonos ousadamente, ía ser outro en que ningunha das dúas seriamos convocadas.

Tiña que rebelarme, entón, arrabiarme como ti me aprendiches, coa palabra, para non abafar de todo nas bágoas da impotencia. E, deseguido, percorrer mentalmente todos os fotogramas de tantos encontros de vida ao longo daqueles dous anos de traballo man a man, e os que se sucederon despois, en que mergullamos na profundidade biográfica da túa memoria, coñecéndonos e queréndonos, cun punto de admiración que nunca quixen agochar e de orgullo e agradecemento por me permitires facer parte íntima dunha vida persoal e profesional como nunca antes tiña descuberto.

A túa casa foi a nosa ágora, a túa palabra foi ardora, a túa expresión libre o horizonte.

Necesitabámoste ao pé de nós, sempre, Carme, mais ben sei que é esta unha postura egoísta que non cadra contigo, que es, e recoñecemos en ti, a xenerosidade maior. Por iso non será fácil aprendermos a vivir sen ti, sen a túa voz firme, sen o teu corpo miúdo de serena aperta prolongada, sen o teu impecábel sorriso rouge, sen o teu perfume favorito, sen os teus beixos cálidos, sen as paroladas ao redor da mesa de traballo ou nun descanso rexoubeiro ao mediodía, no bar da esquina, lembras?, para degustarmos un prato do día convertido en acompañante dun novo capítulo de vida, que eu case non era quen de apreixar.

-Conteiche cando… -dicías, con sorriso pícaro, entre pequenos bocados do xantar que sempre acababa por arrefriar.

E eu procuraba axiña unha servilleta de papel para tomar anotacións daqueles fios de memoria que temía escapasen para sempre.

A experiencia aprendeume a ter sempre a man algún caderno cando te chamaba por telefono para saber de ti, para compartir as nosas últimas lecturas poéticas ou jazzísticas ou indignármonos coa penúltima parvicie propia da incoherencia intereseira de certos políticos, banqueiros e medios de comunicación; para programarmos o novo encontro que sempre nos tardaba, para che facer algunha consulta sobre datos biográficos que cumpría puntualizar ou poñerche deberes, como ti dicías. A túa experiencia de vida era motor incombustíbel e cada puntada tiraba por outro fío e outro, até cosermos o relato que dese resposta a eses versos teus que sempre foron para min enigma:

Que idea máis peregrina
ten a xente
do que unha non é.

Vivir, aventura irrepetíbel, tiña que ser o título da túa biografía. Ningún outro cartón de visita e presentación mellor nin máis fiel coa realidade dunha personalidade de muller valente, libre e universal desde o escenario mais íntimo e local da viguesa rúa Tarragona.

Canta lección de vida irrepetíbel me regalaches, Carme!

E agora escribo, de novo, porque aínda teño que aprender a falar de ti non estando ti e na soidade deste cuarto de traballo procuro a túa luz inmortal no pouso maduro dos teus versos.

A maioría da túa obra viva está comigo, como con tanta xente amiga que te estraña desde estes primeiros momentos. Desde aquelas Palabras olvidadas, escritas e editadas en Buenos Aires en 1953 até a derradeira obra, Jazz espido Un e Dous, publicada en 2011 con 85 anos, onde, logo dunha escrita ininterrompida de trinta poemarios, aínda fuches quen de retar o pulso do tempo para nos ofrecer un froito maduro produto da conxunción artística das túas tres grandes paixóns: poesía, música e debuxo. Esta era a obra pendente e lembro os nosos sorrisos cómplices ao me entregares un novo manuscrito poético -prometérasmo e como sempre, cumpriches a túa palabra- máis unha vez reconfortabelmente inaugurador, presidindo o espazo poético as mulleres, os corpos e as voces femininas do jazz do que tanto gustabas. Abrir os brazos á experimentación, desatrancar as portas do conformismo estético e superar marxinalidades acoutadoras para o verso de raíz, eis a túa verdadeira vocación nas últimas seis décadas de escrita que agora herdamos.

A túa palabra de Poeta fica en nós, os teus versos transpiran a túa luz e convértente en presente continuo. É por iso que hoxe, máis que nunca, precisamos do acompañamento da túa poesía e do reforzo do agarimo de tantas persoas que te queremos e admiramos. Sabemos que en canto nos reencontremos contigo na musicalidade dos teus versos, o reforzo colectivo dos afectos daranos o necesario acougo e a forza que sempre te caracterizou.

Reencontrarémonos en ti no teu Vigo, e repetiremos como o eco dunha ladaíña para o acougo os teus versos:

Foi fermoso, foi moi fermoso
ter vivido.

Celebramos todo canto nos transmitiches e agasallaches con cada nova lectura da túa obra que converteremos en homenaxe poética que quererá ser eco natural, espontáneo, sincero, de respecto e amizade verdadeira para quen nos deu sempre tanto sen pedir nada a cambio.

Despídome xa, Carme querida, tomando prestadas palabras túas dedicadas a min no poemario Os límites do arreguizo:

A Carme Kruckenberg Sanjurjo, Amiga, que é o maior que podemos dicir dalguén que queremos.

Deixo aquí tamén este vídeo enviado por Pilar Ponte:

Esta entrada foi publicada en As miñas opinións nos medios, Audiovisual, Literatura e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Derradeira carta para Mª do Carme Kruckenberg

  1. Aprofa di:

    Parabéns por conseguir a beleza na dor da amizade perdida.

Os comentarios están pechados.