A orgullosa memoria dos avós

Artigo publicado o 14 de xaneiro de 2013 en Sermos Galiza. O orixinal pódese consultar aquí.

Considérome moi afortunada por pertencer a unha xénese familiar lonxeva. Tanto que puiden convivir con tres bisavoas, dous bisavós, dous avós e dúas avoas. Acontecemento inaudito e mesmo inexplicábel ante algunhas amizades escolares cando era cativa. De feito, a primeira vez que lle vin a cara á morte foi cando a bisavoa Daniela se foi, silenciosa e miúda como era naquela casa de pedra, sempre sentada no seu tallo ao pé da lareira. A primeira vez que biquei a face de cera fría daquela muller da que aínda eu ignoraba o afouta que a vida a obrigara a ser.

En todos eles recoñecín traballo arreo nas leiras, na cantina da estación, nas feiras co gando e coa atención no posto da tendeira, na adecuación das vías do tren, no mostrador da carnicería.

Traballo honesto e compromiso a pulso, incansábel, ao xornal ás veces, a mantido outras. Traballo sen apenas descanso, sen horario, sen protección física, sen contrato laboral, sen seguridade social, sen vacacións. En definitiva, masa traballadora sen dereitos recoñecidos.

Mais todo isto camuflámabase perante min nos afectos, nos bicos, nas apertas, nos risos, nas brincadeiras, nas sabedoras patacas viúvas ou nas natillas con nubes do forno de leña, que convertían a miña estadía canda eles en paraíso da infancia, en soño inocente para adormecer nas noites de inverno, ao amparo da caloriña da botella ou da bolsa de auga quente que arrequecían os pés, e nas de verán co acompañamento do concerto dos grilos e chicharras.

Traballo honesto, si, honrado e comprometido consigo e coa prole, para vela avanzar e superar miserias e fames vividas en carne propia, para se superaren de xeración en xeración como unha obriga consanguínea, para non defraudar(se), malia as incertezas e medos dun mundo xerarquizado nunha escenografía onde era ben sabido quen detentaba o papel do mando, quen o cacique ao que se dobregar, quen a curia á que ofrendar a inxusta parte proporcional dos bens da terra e dos animais que sostiñan a alimentación familiar. Mans escravas, mans calosas, mans teimudas, malia as frieiras que proían sen descanso e que mesmo tiveron que enterrar fillos recén nados por falta do que hoxe considerariamos a máis mínima atención sanitaria. E de que morreu, avoa? Eu seino! Levoumo o mal!

Toman vida propia coas caras e corpos dos meus, estes días con maior determinación, os versos do poema Monólogo do vello traballador de Celso Emilio Ferreiro.

Mais a xeración volveu mudar e os exemplos precedentes enraizaran; a iniciativa, a vontade, a dedicación, a disposición, a profesionalidade, a entrega ao labor en pé dun pai e dunha nai, transmitíndonos aos fillos máis novos a necesidade de avanzar no tempo á procura da mellora, do benestar individual e social. Traballo e compromiso, dúas palabras inseparábeis que xogan en equipo na casa e fóra dela. Palabras maiúsculas que defenderon valores de superación, mais sobre todo de igualdade e xustiza social. E aí tamén estiveron as palabras da casa e os berros da rúa cando foi preciso de avós e pais, abríndonos o camiño para asírmonos ao seu testemuño e loitarmos nós, coa palabra activa e construtiva, desde o orgulloso respecto por aqueles que hoxe apenas ollamos firmes en escasas imaxes cor sepia ou en branco e negro.

A nós tócanos tomar o relevo vivo do seu exemplo para impedir que outros o derramen con pedras mancadoras, mareas negras, cianuro, abuso de poder e palabras traidoras.

Esta entrada foi publicada en As miñas opinións nos medios e etiquetada . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a A orgullosa memoria dos avós

  1. Begoña de Blas di:

    Precioso texto, precioso nome Daniela, preciosas palabras.
    Eu adoro tamén a miña avoa que emigrou ,escapando da miseria andaluza da posguerra, a París e aprendeu na rúa e traballando (a lingua, a cultura…) o que eu aprendera anos máis tarde na universidade. Non creo que pensara en loitas ni xustizas sociais, só en ter un futuro digno para ela e os seus fillos. Hoxe, conta orgullosa, no fogar dos xubilados ,cas súas netas teñen carreiras e son profesoras.
    Non sabe que nós contamos que ela é a persoa que máis admiramos no mundo e que sabemos que, o que somos e o que temos é grazas a súa valentía.
    Parabéns polo artigo.
    Begoña

  2. Mercedes di:

    Graciñas, Begoña, polas túas fermosas palabras! É imprescindíbel non perdermos o norte que nos trazaron, con esforxo e sacrificio, as sagas familiares que compoñen a nosa biografía persoal.

Os comentarios están pechados.