Os trobadores do Reino de Galiza

Non me digan que non xera certa expectativa o son dun teléfono que sempre xorde sen contar, sen o procurar ou mesmo no momento máis inoportuno. Apoñeranme o alcume de romántica ou decadente, pois agora nin a sorpresa permite agardar a ser descuberta polo timbre de voz humana que procede alén dos fíos. As micropantalliñas delatadoras sábeno todo e anúnciano antes de tempo para asulagar o interrogante e recoñecer o irrecoñecíbel.

Os trobadores do Reino de Galiza, o meu primeiro traballo editado en formato libro, xermolou, un día de 1997, após erguer o meu sobrio auricular sen micropantalla. Unha voz para min descoñecida, en nome dunha editorial para min referencial, propoñíame inaugurar unha nova colección, de extensión breve, afán divulgativo e coidada edición ilustrada que achegase á sociedade os tres trobadores homenaxeados no Día das Letras Galegas de 1998, Martín Códax, Mendiño e Xoan de Cangas.

Superada a sorpresa inicial, resoltas as miñas dúbidas de principiante, cumpría pórme mans á obra. Mais como empezar? Por onde? A quen escribir? Que parte dese ampla sociedade ía recibir as miñas palabras a falaren do berce da historia literaria galega?

Non foi difícil resolvelo. Tiña alguén moi perto de min, con meses de vida, a quen algún día lle habería contar aquela historia de noso que de tan lonxe proviña. Para que agardar, entón? Que mellor destinataria á que dirixir as miñas palabras escritas que habían falar de lingua, de sons, de trobadores, de músicas, de cultura, de mulleres, de referente centroeuropeo, de Reino propio?

Necesariamente, aquel meu primeiro libro, que naceu da sorpresa dunha conversa telefónica, tiña que comezar cunha dedicatoria agradecida pola miña parte.

Para Andrea

Esta entrada foi publicada en Creación propia, Reseñas da miña obra e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.